Temas: PATACA

Guerra da pataca no norte de Galicia

A Xunta expón prohibir plantar este tubérculo en zonas de Ferrolterra, Eume e Ortegal para erradicar a coñecida como “polilla guatemalteca”. Concellos e partidos políticos piden máis información e, sobre todo, medidas compensatorias.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 07/02/2017 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

“Coas cousas de comer non se xoga”, recolle un vello dito popular. E, semella, que a Xunta pode ter un gran problema se tentar poñerlle coto á plantación de patacas. Varios concellos, asociación de agricultores e ata partidos políticos protestaron xa por unha medida que podería provocar enormes perdas ao campo do norte da Coruña. E é que a directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta, Belén do Campo, trasladou a alcaldes e representantes de municipios das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, a necesidade de prohibir a plantación de patacas en ata trece municipios destes territorios co obxectivo de erradicar a praga denominada 'Tecia solanivora Povolny', coñecida popularmente como "polilla guatemalteca".

Corte da pataca de semente
Corte da pataca de semente

Do Campo asegurou que un Real Decreto no que traballa o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente "recolle a prohibición de plantar patacas en zonas onde agora mesmo temos detectada a presenza desta praga".

Por iso, fai "un chamamento á poboación, a toda esa xente que, por costume, planta as súas propias patacas para o autoconsumo e as súas familias, e que por responsabilidade nestes momentos, quizais o mellor é que nestas zonas non as planten". "Sobre todo porque estamos a uns días, nun mes ou mes e medio, para que o Ministerio xa as deteña por Real Decreto e que terá que ser cumprido", abundou.

Os concellos afectados serían Ferrol, Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes de García Rodríguez, aos que suman outro dezaoito do norte da provincia de Lugo, como son O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova.

MEDIDAS

A directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias trasladou en Ferrol, antes de manter un encontro con representantes municipais no edificio administrativo da Xunta, que este é "un problema que preocupa".

Larva e adulto da pulguiña da pataca
Larva e adulto da pulguiña da pataca | Fonte: GC

"E co que levamos traballando desde o ano 2015, cando se detectou nesta comarca de Ferrol, nos municipios de Ferrol, Narón e Neda", detallou sobre unha zona que catalogou como de "autoconsumo", pero que "poderían chegar a zonas produtivas se non se toman medidas, e que podería mesmo afectar á IXP (Indicación Xeográfica Protexida) Pataca de Galicia".

Tamén Do Campo asegurou que o Ministerio de Agricultura trasladou a todas as comunidades autónomas afectadas "un Real Decreto de actuación, coa posibilidade de formalizar calquera alegación nun prazo de sete días". "E é, por iso, polo que queremos escoitar aos alcaldes", afirmou. "E mañá mesmo (7 de febreiro) manteremos durante a tarde unha reunión co tres organizacións agrarias e o vindeiro mércores con representantes da IXP Pataca de Galicia", abundou.

INDEMNIZACIÓNS

A preguntas dos medios de comunicación, Belén do Campo asegurou que desde que apareceu en 2015 a praga das polillas guatemalteca, tanto na comarca de Ferrolterra como da Mariña lucense, en dous anos, 2015 e 2016, "destruíronse 6.800 quilos de patacas e eses produtores que o solicitaron pagóuselles unha indemnización de trinta céntimos por quilo de pataca".

Nesta liña trasladou que no Real Decreto que recolle a prohibición de realizar novas plantacións nestas zonas "xa van recollidas indemnizacións naquelas zonas nas que non está prohibida a súa plantación e resulten afectadas", pero non se contempla ningunha medida compensatoria nas zonas de prohibición de plantación.

CRÍTICAS 

Pola súa banda, varios concellos e partidos políticos anunciaron a súa oposición a esta medida. Así, os deputados socialistas José Manuel Pérez Seco e José Antonio Quiroga anunciaron xa que levarán varias iniciativas ao Parlamento para pedir á Xunta que explique "cales son as medidas e compensacións previstas" para os municipios galegos afectados.

Os socialistas advertiron de que son "moitos" os agricultores "afectados por este veto, na súa maioría para autoconsumo", que ven "estragadas as súas colleitas ou que teñen xa a semente comprada" para a próxima tempada debido á tardanza do anuncio, xa que "desde a anterior colleita houbo tempo máis que dabondo para tomar esta medida e aforrar diñeiro aos afectados".

Os deputados subliñaron o seu apoio a todos os traballos de "erradicación das pragas, pero censuraron a "falta de planificación" do goberno. Ademais, expresaron a súa preocupación pola ausencia de medidas compensatorias nas zonas de prohibición no real decreto do Ministerio de Agricultura. "Pedimos á Xunta que non eluda as súas responsabilidades, que esixa solucións e que poña as medidas necesarias para paliar o máximo posible os prexuízos ocasionados pola prohibición", esgrimiron.

Temas: PATACA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta