Temas: CINE LGTBI CINEMA

O primeiro filme de temática LGTB en galego busca financiamento a través de crowdfunding

Lázaro Louzao é o guionista e director de 'Nove de Novembro', o primeiro filme galego no que persoaxes gais ocupan a centralidade da historia. Para rematala piden axuda a través dunha campaña na plataforma en liña Verkami.

Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 03/02/2017 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

Nove de Novembro é o título do que será o primeiro filme LGTB que se roda en galego, sempre e cando consigan acadar o obxetivo de financiamento, para o cal se lanzou unha campaña de crowdfunding este venres, 3 de febreiro, e que rematará o vindeiro día 26.

Fotograma de 'Nove de Novembro', de Lázaro Louzao,  primeiro filme LGTB en galego.
Fotograma de 'Nove de Novembro', de Lázaro Louzao, primeiro filme LGTB en galego.

Na campaña de micromecenado plantéxanse aportacións dende os 3 euros ate os 500 —con distintas recompensas— para que participe todo aquel a quen lle guste este proxecto, que se producirá sen axudas nin subvencións de ningún tipo.

“Non é a primeira vez que aparecen persoaxes gais ou lésbicos nun filme galego, pero si é a primeira vez que ocupan a centralidade da historia” aclara o seu director e guionista, Lázaro Louzao (Xove, 1988).

O proxecto xa conta co patrocinio do Concello de Xove (Lugo) e a axuda de varios inversores privados.

“Temos xuntado algo máis de 6.000 euros e faltánnos outros 8.000 para acadar o orzamento mínimo", continua Louzao.

Agárdase que o filme sexa rodado en agosto para a sua estrea a comezos de 2018 e será protagonizado polos actores galegos Ademar Silvoso e Brais Yanek. A producción principal realizarase en distintas localizacións de A Coruña.

SINOPSE

O guión narra a historia de Roberto e Miguel, que levan saíndo xuntos dez anos. Unha década de vida en común que volverá ás súas memorias ao longo de catro días de novembro.

Unha relación que semellaba funcionar comezará a esnaquizarse co regreso de cada recordo. Unha bagaxe que cada vez pesa máis irá desvelando a auténtica natureza da súa vida xuntos.

Paralelamente, a mais de 2.000 quilómetros de distancia, no Berlín dividido, outra relación moito mais grande está a piques de cambiar tamén.

No fondo dunha relación residen sentimentos ocultos forxados polo pasado común. Segredos e rancores que o resto do mundo non ve, separados por un muro que semella infranqueábel. O muro que separa a Roberto e Miguel non foi o único muro que caeu naquela fría noite de novembro. 

Temas: CINE LGTBI CINEMA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta