Temas: OURENSE TEATRO

O Festival Internacional de Teatro de Ourense promete unha edición “máxica e espectacular”

Compañías galegas, estatais e internacionais participarán neste encontro do 7 ao 19 de outubro.

Por GC Tendencias | Ourense | 27/09/2016 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

12 compañías, 12 espectáculos e un feixe de microespectáculos. Con estas cifras presentouse este martes a novena edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense, FITO. Do 7 ao 19 de outubro os principais escenarios da cidade levantarán o pano para ofrecer unha programación que a directora da cita, Ánxeles Cuña, describe como "máxica, espectacular e interesante". Unha vez máis, o campus de Ourense únese a esta celebración a través do apoio económico e acollendo algúns dos seus espectáculos.

Presentación da novena edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense
Presentación da novena edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense | Fonte: DUVI.

A presentación no Museo Municipal contou coa participación de Jesús Vázquez, alcalde de Ourense; Belén Iglesias, concelleira de Cultura; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación, e Jacobo Sutil, director de Agadic, ademais de Ánxeles Cuña, directora tamén de Sarabela Teatro, compañía encargada das Aulas de Teatro do Campus de Ourense. A cita, explicaron os seus promotores, reunirá a compañías galegas, estatais e internacionais, que do 7 ao 19 de outubro estarán en Ourense compartindo escenarios e amosando o mellor do seu traballo aos espectadores galegos.

PROGRAMACIÓN

Entre os pratos fortes da programación, que se desenvolverá en diferentes espazos da cidade, están os daneses Granhøj Dans, que volven ao FITO "coa súa poética nos movementos", e dúas das compañías que son Premio Nacional de Teatro, como Atalaya e Chévere. Atalaya coproduce a obra de Federico García Lorca Así que pasen cinco años, “poesía e imaxes feita teatro, xusto cando se cumpren 80 anos do asasinato do poeta”, tal e como destacan desde a organización. Chévere traerá a Ourense as Fillas bravas, “fillas das mulleres galegas, matriarcas do saber popular e da retranca”. Tamén está no panel de actuacións Bravo Teatro, que “cun texto dun dos mellores dramaturgos do momento, David Mamet, conta no elenco con José Sacristán, considerado pola AFI (American Film Institute) como un dos vinte e cinco mellores actores do mundo”.

Dentro das actividades paralelas, este ano celebrarase o segundo encontro de Mulleres creando, con profesionais galegas e estranxeiras do ámbito da cultura e das artes. “Terá como protagonista a danza, a linguaxe artística que alimenta o espírito. Mulleres que programan, mulleres que danzan, que interpretan, mulleres que crean un mundo máis xusto e igualitario”, explican desde a organización da cita.

ESTREA NO CAMPUS

O campus de Ourense tamén será o escenario dunha das actuacións incluídas na programación. O mércores 18, ás 20.30 h, a antiga capela universitaria acollerá a estrea de Goldi libre, un traballo de teatro documental da compañía Berberecheira, "promovida e custodiada" por Chévere, sobre o movemento de insubmisión en España, sobre as persoas que formaron parte do mesmo e sobre a súa estratexia de desobediencia e confrontación non violenta co estado. Segundo explican os responsables do festival, a peza está feita “a partir da memoria, a experiencia persoal e o testemuño de César Goldi, actor que foi xulgado, condenado e privado da súa liberdade no cárcere da Coruña por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria”. Trátase, salientan, de conectar a memoria individual coa memoria colectiva dunha xeración e co imaxinario dunha época a través dun dispositivo especificamente teatral, informa a Universidade de Vigo.

Temas: OURENSE TEATRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta