Folión de carros en Chantada

O sábado 27 terá lugar esta mostra etnográfica que se remonta posiblemente á Idade Media.

Por GC Tendencias | Chantada | 25/08/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Enmarcado nas Festas Patronais de Chantada, o Folión de Carros representa aquel día no que os gremios abandonaban o seu tradicional illamento para facer unha especie de manifestación conxunta onde se podían ollar a multitude de oficios que había naqueles tempos no Concello de Chantada. Os protagonistas son as xugadas de bois e vacas que terman e empurran das carrozas que percorren as rúas da vila. Nelas van representados os diversos oficios daqueles tempos: muiñeiros, zoqueiros, panadeiros, carpinteiros, etc. Ademais, tamén se escenifican as labores agro-gandeiras presentes na zona como a vendima, a seitura, a malla… O Folión de carros, en definitiva, vén a representar a cultura popular destas terras que é mestura de tradición, humor, respecto e morriña. En maio do 2002 a Xunta de Galicia declarouna Festa de Interese Turístico. Este ano participan once carros e o percorrido será duns 800 metros, dende a Avenida de Ourense ata a Praza de Galicia. Haberá premio para as mellores parellas de vacas e bois pero todos os participantes terán un presente como recoñecemento ao traballo e dedicación.

Carro decorado. Foto: Asoc. Amigos do Folión
Carro decorado. Foto: Asoc. Amigos do Folión

A programación das Festas Patronais de Chantada ten outros eventos de interese dende o 25 ata o 30 de agosto.

O xoves 25 terán lugar as IX Olimpíadas Rurais no Parque Eloísa Ribadulla a partires das 18.00 h. e o 26 cómpre salientar a IX Baixada de Carrilanas ás 18.00 h. e a noite de Concertos Pop-Rock ás 24.00 h. na Praza García Arias.

O sábado 27 haberá ás 18.00 h. unha “Foliada Carroceira”. A organización corre a cargo da Asociación Amigos do Folión, como anticipo ao pregón a cargo de Froilán Vázquez Sánchez na Praza de Galicia e ao esperado Folión de Carros a partires das 23.00 h.

O domingo 28 será o XXV Certame de Bandas de Música na Praza do Cantón ás 18.30 h. e o martes 30 a Festa da Empanada no Campo de San Lucas.

Xugada de Bois. Foto: Asoc. Amigos do Folión
Xugada de Bois. Foto: Asoc. Amigos do Folión

De sábado a luns haberá pasarrúas con cabezudos e diferentes grupos de gaiteiros, con especial protagonismo para os gaiteiros da Escola Tradicional de Música e para a Banda Municipal de Gaitas do Concello de Chantada. Para os máis pequen@s a xornada do luns 29 contempla unha Festa Infantil con inchables e xogos populares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta