Temas: DESEñO MODA

A deseñadora galega Sheila Pazos, na final do International Talent Support

Seleccionada na categoría de traballos artísticos deste certame, presentará en Trieste unha peza inspirada na colección coa que gañou a última edición de Debut.

Por GC Tendencias | Vigo | 20/05/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

A deseñadora galega Sheila Pazos, estudante de doutoramento de Belas Artes en Pontevedra e titulada en Esdemga, é a única representante de España entre as 41 persoas de 21 países que veñen de ser proclamadas finalistas nas catro categorías do certame International Talent Support (ITS), unha plataforma para talentos emerxentes no mundo da moda que o vindeiro 16 de xullo reunirá a deseñadores de catro continentes na cidade italiana de Trieste. 

A deseladora galega Sheila Pazos, cun dos sombreiros que elaborou para 'Artificial Paradises'
A deseladora galega Sheila Pazos, cun dos sombreiros que elaborou para 'Artificial Paradises' | Fonte: DUVI.

Na edición deste ano presentáronse 935 candidaturas, pertencentes a deseñadores e deseñadoras de 78 países. A deseñadora galega seleccionada na modalidade ITS Artwork, grazas ao portfolio no que presentaba a colección que constituíu o seu proxecto de fin de estudos en Esdemga, Artificial Paradises, e que hai poucos meses desfilaba no Ego da Madrid Fashion Week.

Tomando como inspiración a que é a súa primeira colección, Pazos deberá elaborar unha peza artística de parede para este certame, no que optará a dous premios dotados con 10.000 euros.

“É un soño que se fai realidade”, recoñece esta deseñadora en declaracións recollidas por Eduardo Muñiz no DUVI, tras saberse finalista dunha das plataformas “máis prestixiosas e recoñecidas para amosar e apoiar os talentos emerxentes”, como amosa o feito de que boa parte dos máis de 500 finalistas das súas catorce anteriores edicións ocupen hoxe “postos clave nas empresas de moda máis importantes” ou teñan impulsado as súas propias marcas.

Co grupo OTB, YKK, Swatch e Swaroskvi como principais patrocinadores, ITS conta no seu xurado con destacados representantes do mundo da moda como Carlo Capasa, presidente da Camera Nazionale della Moda Italiana; a deseñadora Iris Van Herpen; o director artístico de Diesel, Nicola Formichetti, ou o novo director creativo de Balenciaga, Demna Gvasalia, que foi ademais no seu día un dos participantes neste certame.

De aí que Pazos recoñeza que formar parte dos finalistas “nun concurso destas características supón unha oportunidade enorme, tanto en termos de difusión como de prestixio”, así como polos “posibles contactos e oportunidades laborais” que poidan xurdir nesta cita. “Para min era importante dar un paso a nivel internacional tras presentar a miña primeira colección na antiga pasarela Cibeles”, salienta esta alumna que a finais de febreiro amosaba no Ego unha versión ampliada do que foi o seu proxecto de fin de estudos, Artificial Paradises, unha colección inspirada no libro 'Las ciudades invisibles', no que o escritor Ítalo Calvino recrea unha serie de cidades imaxinarias nos seus diferentes capítulos. Partindo desa idea, Pazos decidiu recrear tamén unha serie de paisaxes imaxinarias en forma de prenda, “recreando algunha cidade que el describe, pero principalmente creando as miñas propias”, para a colección da que partirá a proposta que presentará en Trieste e que serviu tamén como punto de partida para a exposición Vuelan elefantes verdes en un cielo de lunares rosas, que ata finais de maio pode verse na Galería Metro de Santiago de Compostela. 

O ITS ARTWORK AWARD

Ás categorías de moda, accesorios e xoiería deste concurso, ITS engadiu en 2014 unha cuarta modalidade, a de Artwork, que é precisamente na que foi seleccionada esta estudante, despois de presentar a súa candidatura tanto á categoría de moda como a de accesorios. Trátase, sinala, dunha modalidade “na que se valora artisticamente todo o que se presenta nas diferentes categorías”, e que recoñece, constitúe o apartado “no que mellor podía encaixar o meu traballo”. 


Para esta modalidade, a organización de ITS “pídenos que adaptemos a colección que presentamos nunha peza artística de parede, cunhas determinadas características”, entre elas, a incorporación dun produto Swatch, ao ser esta marca o patrocinador principal da categoría.

“Aínda estou ideando e traballando nesta peza, que terá moito que ver coa miña colección”, apunta Pazos, que competirá na final do ITS Artwork cos deseñadores Wenxin Lee (China), Chinami Tokizawa (Xapón), Karan Torani (India), Marco Baitella (Italia), Birute Mazeikaite (Lituania), Jana Zornik (Eslovenia), Han Kim (Corea do Sur), Chen Zong Yu (Taiwan) e Hazuki Katagai (Xapón).

Os finalistas nesta categoría optarán no evento que se desenvolverá o 16 de xullo a dous premios, o ITS Artwork Award, dotado con 10.000 euros, e o Swatch Award, dotado tamén con 10.000 euros e cunha estadía de seis meses no Swatch Lab de Zurich. “Calquera dos dous premios é moi importante, pois axudaríame economicamente a seguir adiante coa miña marca”, recoñece Pazos, que ademais naceu en Suíza, motivo polo que admite que “sería un pracer poder volver alí por unha tempada”. Non obstante, esta deseñadora pon de relevo que “o nivel é altísimo”, motivo polo que a súa propia selección constitúe un premio de por si, que non só a levará a mediados de xullo a presentar o seu traballo en Trieste, senón tamén a coñecer o "impresionante arquivo creativo" do ITS, composto polos máis de 15.000 traballos presentados ás anteriores edicións deste certame internacional, informa Eduardo Muñiz.

Temas: DESEñO MODA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta