Temas: FUXIDAS

O Fulión roxe con forza por Terras de Manzaneda

O Entroido de Manzaneda xira en torno aos fulións, unhas "delegacións músico entroideiras" que se envían reciprocamente dunha parroquia a outra durante o entroido como orixinal tradición de afirmación da identidade e socialización. Os festexos van do 9 de xaneiro ao 9 de febreiro, día grande do entroido.

Por GC Tendencias | Manzaneda | 05/02/2016 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

Bombos, cornas, sachos, gadañas, aixadas e outras ferramentas metálicas do agro retumban e resoan incesantemente a un ritmo frenético. Cada fulión vai acompañado das Mázcaras, que, vestidas elegantemente co seu traxe típico, bailan diante da comitiva. Este Entroido está declarado Festa de interese turístico de Galicia. Falamos con Clemente Pérez, responsable de Cultura e Turismo para saber algo máis.

Cartel Fulión
Cartel Fulión

Fulión e fuliada, que é cada cousa?

O “Fulión” chamámoslle ao grupo de xente que “armados” con sachos, aixadas, bombos, cornas, etc vai animando os días de entroido en cada aldea ou de lugar en lugar. A “Fuliada” é a festa que montan. Antes pedíase permiso no lugar no que se ía montar a fuliada e como normalmente o daban pois xa se facía o pasarrúas ou “ronda” visitando as casas dos veciños que sempre ofrecían algo para comer e para beber. A fuliada adoitaba rematar nalgunha aira onde se representaban pezas teatrais satíricas e coplas referidas aos parroquian@s: anécdotas, conflitos de parella, defectos dalgúns veciños, etc.

Quen conformaba a comitiva do “fulión”?

As “Mázcaras”, co traxe típico, moi colorido, pucho vistoso e moi adornado con guirnaldas, cinto de chocas pequenas na cintura e un pau. Antes levaban carauta, agora por comodidade é difícil atopalas. Non paran de bailar e moverse guiando ao “fulión”. E xunto con eles o grupo de xente que vai tocando e facendo barullo, tamén participan o Oso, a comparsa, o touro e o toureiro,o lardeiro montado nun burro, etc.

Mázcaras e Fulión de Cesurís
Mázcaras e Fulión de Cesurís | Fonte: Fonte: Clemente Pérez

O Oso?

Si, a figura do Oso sae sempre e pódese ver no “fulión”. Se queredes velo achegádevos este domingo 7 a San Martiño, parroquia veciña de Manzaneda, pois fará acto de presenza.

Un entroido moi local e moi participativo, logo?

Si, sempre se caracterizou por reforzar o apego parroquial. Manzaneda é un concello pequeno e non se poden perder as boas relacións de veciñanza. O “fulión” axuda a esa tarefa de socialización.

Programa completo do “Fulión 2016

Xoves, día 28 de xaneiro

Xoves de Compadres.

Venres, día 29 de xaneiro

Cea do lardeiro organizada pola Asociación Porco Celta de Manzaneda.

Sábado, día 30 de xaneiro

Fuliada da Mourela para acá (Cernado).

Xoves, día 4 de febreiro

Xoves de Comadres.

Sábado, día 6 de febreiro

Cea da lardeira organizada pola Asociación de Mulleres Algueirada.

Visita do Fulión de Requeixo a Bidueira.

Visita do Fulión de Langullo a  Borruga / Cubeiros.

Domingo, día 7 de febreiro

Ás 15.00 h. Domingo Gordo de Fuliada en San Martiño.

Martes, día 9 de febreiro

Ás 11.30 h. Desfile pola vila de Manzaneda.

Ás 14.00 h. Xantar popular: chourizos cocidos, empanada, carne ao caldeiro e costrelas, viño e bica. Prezo: 9 € (menos de 6 anos, de balde).

Mázcaras e Fulión de Mourela para Acá
Mázcaras e Fulión de Mourela para Acá | Fonte: Fonte: Clemente Pérez
Temas: FUXIDAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta