Redescubrindo o humor gráfico de Castelao

Animais, caciques, homes, mulleres, nenos e vellos. Estes son os protagonistas das series de "Cousas da Vida" de Castealo, que agora reedita Galaxia. Unha obra que segue a ser vixente, clave para entender a natureza do pobo galego.

Por GC Tendencias | Vigo | 22/12/2015 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Continuando coas publicacións da Biblioteca Castelao, Editorial Galaxia tira do prelo ás portas do Ano Castelao 2016 unha edición renovada da obra de humorismo gráfico do autor de Rianxo, reunida na serie dedicada a Animais, Caciques, Homes, Mulleres, Nenos e Vellos baixo o carimbo Cousas da vida e máis no libro Cincuenta homes por dez reás, publicado en vida do autor. Xuntos, estes sete libros constitúen un verdadeiro tratado de sabedoría popular, na que a burla e a picardía, elementos básicos do humor, atopan unha expresión feliz no debuxo e no texto que o acompaña.

Unha das Cousas de Castelao sobre o caciquismo
Unha das Cousas de Castelao sobre o caciquismo

A serie Cousas da vida comézase a publicar na década de 1920 no xornal Galicia. Postumamente, os debuxos agruparanse en función dos seus protagonistas; así, no libro dedicado aos Animais, do que se trata é de volver a aquela tradición na que os animais aínda falaban, a tradición das fábulas. Mentres que no protagonizado polos Caciques, o autor obrou dun xeito deliberadamente parcial, sen contemplacións para os matices: o cacique simboliza o mal, a manipulación interesada da liberdade dos demais... Pola súa banda, no libro que ten como tema os Homes, Castelao trátaos con respecto pero sen temor; debuxa con certa compracencia os de máis abaixo e compórtase de xeito inmisericorde cos de máis arriba. As Mulleres que debuxou Castelao pertencen fundamentalmente a dous mundos opostos: as aldeás e as finas, mentres que os Nenos son tratados sempre cun exquisito coidado formal; non tanto polo que representan como polas súas características plásticas, que os converten en materia ideal para o lapis do artista. Os nenos ocupan un lugar sobranceiro na súa obra do mesmo xeito que os vellos son para Castelao os depositarios da sabedoría do refraneiro, que vale tanto como dicir a sabedoría acumulada polos homes ao longo da súa vida.

En Cincuenta homes por dez reás, obra publicada por Castelao en 1925, o autor xoga ironicamente co dobre significado —material e intencional— facendo cadrar o prezo do libro coa idea de barateza dos “seus” homes. 

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950), escritor, pensador, pintor e debuxante, membro do Partido Galeguista e deputado durante a Segunda República, morreu no exilio logo dun intenso e fructífero labor político. Autor de libros inesquecibles coma Cousas, Retrincos, Os dous de sempre, Os vellos non deben de namorarse e Sempre en Galiza, a súa actividade como debuxante e pintor tamén acadou unha repercusión extraordinaria.

Debuxo de Castelao sobre a lei
Debuxo de Castelao sobre a lei
Castelao durante un mítin
Castelao durante un mítin
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta