Soberanía popular?

Empeza unha nova lexislatura na Galicia, na que todos os indicadores sociolóxicos din que probablemente a poucos importe o que pase nesa casa do pobo, pola percepción de que a política vive de costas ao sufrimento da cidadanía.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 20/11/2012

Comparte esta noticia
Nunha época de fonda crise, e cun nivel tan baixo no Parlamento con contadas e destacadísimas excepcións, a esperanza de futuro inmediato de saír do averno económico e social existente, non pasa precisamente polas cadeiras dunha institución fundamental para os galegos, se dela saísen algo máis que batalliñas intestinas.
 
O espectáculo lamentable no reparto dos postos da mesa do Parlamento, non é máis que un termómetro claro e preciso que indica unha patoloxía sobrevida de intereses económicos dos grupos políticos, máis que de artellar un elemento importante para o bo desenvolvemento da maquinaria parlamentaria. Nestas situacións é cando sae a relucir o anticapitalismo de salón de algúns, e a voracidade pseudo democrática dos de sempre. Un Parlamento que non saiba lexislar de xeito consensuado para frear o vieiro cara o barranco ao que vai a nosa sociedade, é perfectamente prescindible, e unha institución na que a súa tribuna semelle so unha parte máis do show business para “Bravehearts” de bolsillo, debe reformularse canto antes. Non é cuestión de que funcione con absoluta coordinación ou claridade ao xeito do orfeón donostiarra, senón que en asuntos capitais para o desenvolvemento desta terra teñen que existir consensos por riba de intereses escuros partidarios.
 
A situación de morte asistida do sector gandeiro, a desaparición de facto dunha importantísima parte do sector industrial, a submisión á banca, ou os socialmente perigosos niveis de desemprego, deben ser eixos fundamentais nunha lexislatura que empeza coa obriga dos nosos parlamentarios de conseguir recuperar unha credibilidade necesaria.
 
Probablemente o espectáculo que teremos nesta lexislatura gustará aos medios de comunicación, os debates demagóxicos e sen alternativas serán parte dunha función teatral na que veremos máis zapatos alzados que solucións a políticas que son un evidente fracaso, mais da racionalidade e o traballo das súas señorías debe nacer un novo tempo, para que algúns non empecemos a pensar que se os que son elixidos por unha parte do pobo, non son os que representan verdadeiramente a unha sociedade na que moitos dos que quedan na casa á hora do sufraxio o que realmente están pedindo é unha necesaria rebeldía civil dende o fastío e a desesperanza.
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA