Cataluña punto de inflexión

Despois dunhas eleccións galegas, nas que o resultado da vontade popular foi un continuismo bastante predecible, as eleccións catalanas combinan varios factores case “explosivos”, que poden chegar a ser un punto de inflexión en canto ao modelo de Estado.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 12/11/2012

Comparte esta noticia
A aposta soberanista do actual President Mas, é un dragón de varias cabezas, no que as arelas lexítimas de autodeterminación e independencia mestúranse cunha evidente ineficacia na xestión económica, certamente arrastrada de administracións anteriores. Calquera que se sinta verdadeiramente demócrata, ten que respectar por principios que unha parte moi significativa do pobo catalán teña na súa esencia o soño dunha nación independente, e cun rumbo cara a súa propia Historia no que as súas decisións como pobo soberano as tomen os propios cataláns; mais tamén é certo que en ocasións a marxinalidade política de aqueles que viven nesa terra e se senten tan cataláns como españois, é evidente.  
 
Dende o centralismo español fanse continuos chamamentos á desautorización das teses independentistas catalás, por ser contrarias á “sacro santa”, para o que lles convén, Constitución española de 1978. Os mesmos que reclaman que a Carta Magna non pode ser conculcada, son casualmente aqueles que de xeito reaccionario non admiten as resolucións do Tribunal Constitucional no momento en que este ditamina a constitucionalidade da chamada “lei do matrimonio homosexual”. Son probablemente os mesmos que non teñen problemas  en facer unha reforma exprés da Constitución, para marcar un teito de gasto público, mentres escandalízanse se dende a sociedade civil algúns altofalantes piden lexitimamente unha necesaria reforma para adaptar un texto que provén do exemplar consenso post franquista, e que na actualidade roza o anacronismo funcional en moitos eidos do seu articulado.
 
As declaracións de Mas ou o propio Pujol, esconden un certo baleiro en canto ás concrecións do vieiro que queren tomar, cando incluso dubidan a día de hoxe a forma de goberno que adoptaría un teórico Estado catalán entre Monarquía ou República, como puxo de manifesto unha entrevista televisiva de hai poucos días. A utilización da cidadanía para lanzar cortiñas de fume que tapen a bancarrota de facto das finanzas catalás, é socialmente perigosa, aínda que un ten que recoñecer a admiración por unha sociedade que ten clara a súa condición diferencial como nazón dentro do Estado español, fronte aos carcas que defenden unha Constitución inalterable, e que evidencian que mentalmente sentiríanse máis cómodos coa vixencia do  “breviario de Alarico”…
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rafael Cuiña Aparicio Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.